8 jul 2013

Olimpíadas de Peñas 2013: ¿De que vai o conto?

¿Qué é iso das Olimpíadas de Peñas?

Pois é a troula máis grande que se teña inventado en toda a volta. Unha semana chea de competicións como a Canción de Tasca, o Brilé ou o Tunning de Carretillas; e ten o formato duns xogos olímpicos, con podium e medallas de ouro, prata e bronce para os mellores de cada proba.

¿Como se participa?

Só tes que estar presente no lugar da proba media hora antes do seu comezo para facer a inscrición. A peña que organice cada proba poderá resolver as túas dúbidas sobre o regulamento.

¿Hai que pagar algo?

Nadiña, tódalas probas son de balde agás a primeira (Ránking das Rondas) e a derradeira (Campionato de Chinchimoni) nas que cada participante pon 1 €.

¿Se non teño peña podo participar?

Si, nalgunhas probas como o Ránking das Rondas, a Pesca de Munxe Radiactivo, o Lanzamento de Rizón ou o Campionato de Chinchimonin a inscrición pode ser individual ou por parellas. Noutras, sen embargo, compítese por equipos. Pero podes facer o teu e apuntalo como peña en calquera momento das olimpíadas.

¿Cando comezan e cando rematan as olimpíadas?

Comezan o venres 12 ás 20:00 coa Cerimonia de Inauguración e rematan o sábado 20 ás 21:00 coa Cerimonia de Clausura.

¿Que premios hai?

Ao final de cada proba celébrase a cerimonia de entrega de medallas de ouro, prata e bronce. Ademais, este ano haberá dúas probas premiadas con aproximadamente 400 caralleuros cada unha: a Canción de Tasca e o Tunning de Carretillas. ¿Por que esas? Pois porque queremos premiar a creatividade e continuar abraiando ao mundo enteiro co que somos quen de argallar.

6 jul 2013

Olimpíadas de Peñas 2013: O programa


¡Xa están aquí! ¡Xa chegaron un ano máis! ¡Xa non queda nada para frender o facho! Benquerida carallería, este é o calendario olímpico:

  • VENRES 12 DE XULLO:
    • 20:00 - Cerimonia de Inauguración, co percorrido do facho olímpico desde A Jarabeta ata O Trope (como mandan os cánones rondísticos pulpeiros).
    • 22:00 - XVIII Ránking das Rondas [zona do Casino Mugardés]
  • SÁBADO 13 DE XULLO
    • 13:00 - Canción de Tasca, [zona da Casa do Reloxo].
  • DOMINGO 14 DE XULLO
    • 17:30 - Comedores de Cachelos [zona Club do Mar]
    • 19:00 - Pesca de Munxe Radiactivo [peirao]
  • LUNS 15 DE XULLO
    • 18:30 - Tirachinas [zona Parque do Cotellón]
    • 20:00 - Xogo da Rá [zona Parque do Cotellón]
  • MARTES 16 DE XULLO
    • 19:00 - Campionato de Brilé [Praia da Bestarruza]
    • 19:00 - Lanzamento de Rizón [Praia da Bestarruza]
  • MÉRCORES 17 DE XULLO
    • 19:30 - Carreira de Ovos [A Pedreira]
    • 20:30 - Open do Montón [A Pedreira]
  • XOVES 18 DE XULLO
    • 20:00 - Tunning de Carretillas [zona Igrexa]
    • 20:30 - Subida de Carretillas [zona Igrexa]
  • VENRES 19 DE XULLO
    • 21:00 - Campionato de Chinchimoni [zona Quiosco Loly]
  • SÁBADO 20 DE XULLO
    • 21:00 - Cerimonia de Clausura [desde O Trope ata A Jarabeta]



¡Saúde e festa!

29 jun 2013

Presentación de «Tastarabás», a Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais de Antón Cortizas


Benquerida carallería,
á Comisión de Caralladas préstalle infinitamente anunciarvos a presentación en Mugardos de Tastarabás, a "Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais" que a Editorial Xerais ven de publicar por obra dun home ben coñecido e ben querido por terras mugardesas: Antón Cortizas. Será este venres 5, desde as 19:30, no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.
Os xogos populares e o pobo serán o centro de gravidade dunha viaxe nostálxica polo tempo, dende ben antigo ata os nosos días, onde algúns pasaron xa a acadar categoría olímpica ;)
Saúde e xogo!